viernes, 18 de febrero de 2011

Galicia recupera a calma tras o temporal.

O servizo de urxencias 112 recibiu 1.700 chamadas en doce horas sobre 257 incidencias debidas ó fenómeno meteorolóxico



Galicia vai recuperando a normalidade tras o temporal de vento e neve que deixou máis de 257 incidencias en dous días atendidas polo 112 en Galicia, que entre as 20.00 horas do mércores e as 8.00 horas de onte xoves recibiu 1.700 chamadas e xestionou durante a noite 81 polo fenómeno meteorolóxico adverso.
Das 81 incidencias da última noite, a maior parte (53) estiveron relacionadas coa neve; outras doce provocadas por caídas de árbores e pólas e produciuse un caso puntual de inundacións, bolsas de auga, placas de xeo e desprendementos de terra.
O momento de maior actividade no 112-Galicia, segundo precisou o servizo de urxencias, foi entre as 20.00 e as 22.00 horas do mércores. Con todo, o 112 puntualizou que "non se rexistraron incidencias de consideración" e as máis destacadas tiveron que ver con vehículos parados por mor da neve e do xeo en localidades do interior da comunidade, como Lugo, Friol, Melide, Boimorto, A Gudiña, Verín, Piñor e Santiago, entre outras.
Ademais, concretou que no Grove (Pontevedra) se desprenderon unhas madeiras, probablemente dunha batea, e Salvamento Marítimo traballou na súa retirada.
Tamén onte os ventos sopraron con menos intensidade e, se o mércores o refacho de vento de intensidade máxima chegou ós 158 quilómetros por hora en Oia (Pontevedra) e ós 113 km/h en Lira (A Coruña), este xoves non superaron os 100 km/h no litoral, sendo o rexistro máximo de 96,3 na localidade coruñesa de Malpica.
Segundo os datos de Meteogalicia, os maiores rexistros onte corresponderon, ademais, a Sálvora (Pontevedra), con ventos de 91 quilómetros por hora, mentres que o mércores chegou ós 110,4; seguido dos 86,7 en Cedeira (A Coruña), fronte ós 114,9 da xornada pasada; e os 81,1 na localidade coruñesa de Lira, que o día pasado alcanzou os 133,9 km/h.
Así mesmo, un total de 4.661 alumnos de centros educativos das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra quedaron sen clase onte debido ó estado das estradas polo temporal de neve, que obrigou a suspender o transporte escolar no Sur e a montaña ourensá por mor da alerta laranxa para esa zona.
O tellado do colexio Quintela de Redondela sufriu danos a consecuencia do temporal de vento e chuvia o mércores, polo que as clases foron suspendidas ata o luns de xeito cautelar.
Tamén as condicións climatolóxicas obrigaron a pechar a Estación de Montaña de Manzaneda (Ourense) debido á forte ventisca, á neve e á escasa visibilidade.

Pasa unha nova fronte fría
Na xornada de hoxe Galicia sufrirá o paso dunha nova fronte que deixará ventos fortes nas zonas marítimas de Pontevedra e da Coruña e chuvias intensas en Pontevedra e sur da Coruña pola tarde, informou onte Meteogalicia a través da súa web.
A maior parte da frota, amarrada
A maior parte da frota pesqueira galega estivo amarrada, por cuarto día consecutivo, en Pontevedra e na Coruña, nunha xornada con alerta vermella no litoral de ambas as provincias por mar de fondo, o que provocou unha forte ondada. As fortes chuvias e ventos provocaron, ademais, importantes danos no porto vigués de Canido, onde houbo desfeitas nas casetas dos pescadores, e en embarcacións deportivas. En concreto, a forte ondada rebentou as casetas onde os mariñeiros gardaban os aparellos e outros instrumentos que quedaron, na súa maioría, inutilizados. Mentres, ó longo da xornada a rede viaria foi recuperando a normalidade, aínda que nas primeiras horas había neve en varias vías da montaña de Lugo e Ourense.

Inundación en Ciencias Mariñas
O mar levou parte do pantalán da illa de Toralla, que quedou á deriva e tivo que ser recuperado desde terra, segundo explicaron fontes de Salvamento Marítimo. Na mesma illa de Toralla tamén se rexistrou unha importante inundación no edificio da Estación de Ciencias Mariñas -dependente da Universidade de Vigo- a onde acudiron de madrugada os bombeiros porque a ondada rompera un muro e o mar entrou a unha das salas, causando importantes danos en maquinaria e material de investigación. En concreto, na Estación de Ciencias Mariñas as ondas provocaron o desprendemento de pedras do dique que protexía o inmoble, as cales saíron voando.

Derrubouse un muro en Vigo
Os bombeiros de Vigo acudiron á primeira hora da mañá de onte á rúa Brea número 64, preto da Avenida do Aeroporto, onde se produciu o desprendemento dun muro. Os efectivos desprazados ó lugar retiraron parte do muro, que tiña risco de desprenderse, e logo a Policía Local valou ó lugar como medida de precaución. A Policía Local de Vigo tamén informou de máis dunha trintena de intervencións debidas ó temporal. Así, rexistráronse caídas de cornixas, desprendementos de fachadas, desprazamentos de chapas, caídas de cable do tendido eléctrico, caída de pólas e árbores sobre o tendido e sobre algún vehículo, entre outras incidencias.
Un arroaz apareceu morto onte na praia do Orzán da Coruña, coincidindo co temporal de mar de fondo que afectou ó litoral galego estes últimos días FOTO: EFE/Cabalar












  Un arroaz apareceu morto onte na praia do Orzán da Coruña, coincidindo co temporal de mar de fondo que afectou ó litoral galego estes últimos días.

PREGUNTAS: 
-Quen? Galicia recupera a  normalidade despois da tormenta.
-Cando? Hoxe
-Onde? En Galicia
-Porqué? Porque aminuou o tempo.




Mayih :$

No hay comentarios:

Publicar un comentario